
Antón Lopo (Antón
Rodríguez López) (Monforte de Lemos, 1961). Escritor e actor, coordina Maré, a
sección cultural do xornal Galicia Hoxe e o suplemento Revista das letras.
Baixo distintos nomes e en diferentes colectivos, desenvolveu un traballo ue
abrangue a música, a plástica ou o teatro. É cofundador do Laboratorio de
Indagacións Poéticas e autor do poemario oral Prestidixitador (2001), concibido
como unha experiencia singular onde o propio poeta é o único soporte da obra.
Desenvolveu varios ciclos como activista e performer, entre eles O lugar, no
que mediu Compostela co seu corpo e co Festiclown percorreu Chiapas nunha
montaxe de apoio ás bases zapatistas. Como investigador e divulgador publicou
Fermín Bouza Brey. Unha Fotobiografía (Xerais 1992), traballo sobre o escritor
homenaxeado nas Letras Galegas que retomará na serie documental para TVG, O
faro que perdeu a gracia da luz; Guía de Santiago de Compostela (1993);
Mishima, que existiu nunca (1995), ensaio; e As tres mortes de Lorenzo Varela
(2005). Como poeta ten publicado: Sucios e desexados (1987), Manual de
masoquistas (1990); Á sombra dos rapaces mexando (1995), Om (1996), Pronomes
(1999) e Fálame (2003), premio Esquío. Como narrador ten publi-cado “O baile”,
no volume Contos eróticos / eles (Xerais 1990); As reliquias (Xerais 1991),
novela, Premio Café de Catro a Catro; O riso de Isobel Hill (2000), novela; e
Ganga (Xerais 2001). Como autor teatral publicou Os homes só contan ate tres
(Xerais 2006), premio Álvaro Cunqueiro 2004. A partir de diversos materiais,
traballa no proxecto Dentro nun lameiro da Ulloa.
O LIBRO
OBEDIENCIA
Antón Lopo sitúa a súa novela no século XXII,
nunha Galicia republicana na que o goberno perdeu o control sobre todo o
territorio agás a capital, Compostela. A cidade é centro dunha puxante economía
que se contrapón á mísera Alemparte, un deserto salvaxe sen regulamento
democrático.
Nunha residencia de Compostela para científicos con problemas piscolóxicos,
está ingresada Elba Mácara, unha paciente con crises de amnesia que cre prever
o destino mediante cálculos matemáticos. Cando menos o agarda, Mácara consegue
fuxir para refuxiarse na Alemparte, un ermo salvaxe onde ten base o grupo
resistente Alogon.
Cunha enorme forza creadora, utilizando unha linguaxe que evoca as imaxes do
cinema de ciencia ficción, Lopo vai introducir os lectores e as lectoras en paisaxes
imprevisibles, inzadas de mutantes, salteadores e traficantes de alcaloides. En
Obediencia, a intriga desenvólvese freneticamente en torno a unha obsesión:
descubrir a posición de Lef, un número natural perdido na memoria dos tempos...
A loita polo poder e polo control da mente tampouco queda fóra desta singular e
apaixonante novela de aventuras na que os protagonistas viaxan por unha Galicia
sorprendente.