quinta-feira, 8 de dezembro de 2011

ANTON LOPO

Antón Lopo (Antón Rodríguez López) (Monforte de Lemos, 1961). Escritor e actor, coordina Maré, a sección cultural do xornal Galicia Hoxe e o suplemento Revista das letras. Baixo distintos nomes e en diferentes colectivos, desenvolveu un traballo ue abrangue a música, a plástica ou o teatro. É cofundador do Laboratorio de Indagacións Poéticas e autor do poemario oral Prestidixitador (2001), concibido como unha experiencia singular onde o propio poeta é o único soporte da obra. Desenvolveu varios ciclos como activista e performer, entre eles O lugar, no que mediu Compostela co seu corpo e co Festiclown percorreu Chiapas nunha montaxe de apoio ás bases zapatistas. Como investigador e divulgador publicou Fermín Bouza Brey. Unha Fotobiografía (Xerais 1992), traballo sobre o escritor homenaxeado nas Letras Galegas que retomará na serie documental para TVG, O faro que perdeu a gracia da luz; Guía de Santiago de Compostela (1993); Mishima, que existiu nunca (1995), ensaio; e As tres mortes de Lorenzo Varela (2005). Como poeta ten publicado: Sucios e desexados (1987), Manual de masoquistas (1990); Á sombra dos rapaces mexando (1995), Om (1996), Pronomes (1999) e Fálame (2003), premio Esquío. Como narrador ten publi-cado “O baile”, no volume Contos eróticos / eles (Xerais 1990); As reliquias (Xerais 1991), novela, Premio Café de Catro a Catro; O riso de Isobel Hill (2000), novela; e Ganga (Xerais 2001). Como autor teatral publicou Os homes só contan ate tres (Xerais 2006), premio Álvaro Cunqueiro 2004. A partir de diversos materiais, traballa no proxecto Dentro nun lameiro da Ulloa.

O LIBRO

OBEDIENCIA

Antón Lopo sitúa a súa novela no século XXII, nunha Galicia republicana na que o goberno perdeu o control sobre todo o territorio agás a capital, Compostela. A cidade é centro dunha puxante economía que se contrapón á mísera Alemparte, un deserto salvaxe sen regulamento democrático.

Nunha residencia de Compostela para científicos con problemas piscolóxicos, está ingresada Elba Mácara, unha paciente con crises de amnesia que cre prever o destino mediante cálculos matemáticos. Cando menos o agarda, Mácara consegue fuxir para refuxiarse na Alemparte, un ermo salvaxe onde ten base o grupo resistente Alogon.

Cunha enorme forza creadora, utilizando unha linguaxe que evoca as imaxes do cinema de ciencia ficción, Lopo vai introducir os lectores e as lectoras en paisaxes imprevisibles, inzadas de mutantes, salteadores e traficantes de alcaloides. En Obediencia, a intriga desenvólvese freneticamente en torno a unha obsesión: descubrir a posición de Lef, un número natural perdido na memoria dos tempos... A loita polo poder e polo control da mente tampouco queda fóra desta singular e apaixonante novela de aventuras na que os protagonistas viaxan por unha Galicia sorprendente.

Sem comentários:

Enviar um comentário